Thursday 02 de May de 2024

O Fórum Metropolitano acolle dúas novas proxeccións en versión orixinal, no marco dos ciclos “Cine e Literatura” e “Cinema e Danza”


“Fai bei sogni” (2016) e “Bare” (2021) proxectaranse esta fin de semana nas salas Fernando Rey e Marilyn Monroe

Tras a proxección de “Bare” no día do espectador, o equipo de Programación Expandida do TRC Danza realizará un coloquio como actividade complementario do novo ciclo do Rosalía

O Concello da Coruña, a través do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), impulsa esta semana unha nova quenda de sesións cinematográficas nas salas Fernando Rey e Marilyn Monroe do Fórum Metropolitano. O filme italiano “Fai bei sogni” (2016) será a nova entrega do Ciclo Cine e Literatura, que comezou as súas proxeccións na sala Fernando Rey o pasado xoves 31 de marzo co filme “Charulata” (1964) do director indio Sayyajit Ray.

“Fai bei sogni”, do director italiano Marco Bellocchio, é unha adaptación do best seller homónimo do escritor italiano Massimo Gramellini, no que relata as súas propias experiencias persoais. A peza rememora, a través da figura de Massimo, a historia de Italia nos últimos corenta anos, dende a traxedia do Superga que sepultou á máis destacada xeración de xogadores do mítico Torino Football Club. Este feito, xunto coa morte da súa nai, marcará a Massimo de por vida, transmitíndolle unha total soidade que o levará a procurar nas obras de Belphegor e as cancións de Patty Bravo ou Raffaella Carra o antídoto para o seu malestar.

A función ten unha duración de 134 minutos e proxectarase en versión orixinal subtitulada en español. Non está recomendada para menores de 12 anos e as sesións previstas terán lugar os días xoves 28 (20.00 horas), venres 29 (20.00 horas) e sábado 30 de abril (17.30 e 20.00 horas).

Proxección do II Cinema e Danza
A sala Marilyn Monroe acolle esta fin de semana unha nova entrega do segundo Ciclo de Cinema e Danza, coa proxección de “Bare” (2021) de Aleksandr M. Vinogradov. “Bare” é unha peza documental na que 11 intérpretes masculinos son filmados polo director dende que audicionan, ata que ensaian e estrean. A través dos corpos, totalmente espidos, a peza busca explorar a masculinidade, o poder e o voyeurismo con actuacións onde a pel cobra unha grande importancia. Vinogradov enfróntase á complexidade da colaboración artística ao mesmo tempo que deconstrúe conceptos rutineiros da sexualidade masculina, nunha peza audiovisual de 90 minutos de duración.

As sesións previstas no Fórum Metropolitano terán lugar entre o xoves 28 (20.00 horas), venres 29 (20.00 horas) e sábado 30 de abril (17.30 e 20.00 horas). Tras a sesión do espectador do sábado (17.30 h), terá lugar un coloquio sobre o filme co equipo de Programación Expandida do TRC Danza.

Este coloquio forma parte das actividades complementarias do ciclo TRC Danza, que comeza este venres 29 de abril ás 20.30 h coa obra ‘Parece nada’, do onubense Guillermo Weickert. O ciclo continuará a fin de semana con ‘Tabú’, de Colectivo Glovo estará presente, o sábado 30 de abril ás 20.30 h no Teatro Rosalía.

Xa á venda as entradas para as primeiras sesións dos dous ciclos
A compra de entradas para as sesións desta semana xa está dispoñible, a través da páxina web de Ataquilla.com. Habilitarase tamén o despacho de billetes do Fórum Metropolitano os días de proxección, desde media hora antes do inicio das mesmas. Ademais, os pases poden adquirirse no despacho de billetes do IMCE sito na praza de Ourense en horario de luns a venres (agás festivos) de 11.00 a 15.00 e de 16.30 a 19.30 horas.

O prezo das entradas será de 3 euros para o público xeral e de 2 euros para aquelas persoas que dispoñan de Carné Xove, sexan maiores de 65 anos ou estean desempregadas. Ademais, as sesións do espectador programadas para os sábados ás 17.30 horas teñen un prezo único de 1,50 euros.